La Facultad de CCSS y de la Comunicación estrena el 1er máster de España especializado en este campo – Máster Universitario online en Dirección Pública y Liderazgo Institucional

Noticias

31Oct, 2011
by Mónica

Master online Direccion y LiderazgoDobre fórmula para o éxito. A idoneidade da temática nestes momentos de crise e a modalidade online do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional “fan que teña unha proxección a longo prazo”. Así o manifestou Xabier Martínez Cobas, comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, no acto de inauguración do mestrado, que comeza a súa andaina académica neste curso 2011/2012. “O mérito destes estudos é dobre, por unha banda, abre un camiño para a proxección internacional e por outro, ofrece un produto que debería ter unha demanda inequívoca na sociedade, sobre todo no momento no que vivimos”, aclarou Cobas.

Trátase do primeiro mestrado de España especializado en dirección pública “que ademais formará a futuros investigadores neste eido dende unha óptica multidisciplinar”, explicou o profesor Xosé Mahou, un dos coordinadores dos estudos. Unha formación necesaria tanto para a cidadanía como para os líderes públicos, “pois a sociedade debería esixir que as personalidades que decidan no ámbito público teñan un nivel de cualificación moito maior e acreditado”, engadiu Cobas, de aí que unha porcentaxe elevada dos matriculados no mestrado proveñan do sector público e do mundo profesional da xestión.

Proveito das novas tecnoloxías
Outra das novidades que define a este mestrado é a súa modalidade unicamente online, sen clases presenciais. Como aclarou Cobas, “impartir uns estudos destas características ten unha proxección maior do que se pensa, pois as novas tecnoloxías permiten competir dende calquera sitio e abrirse ao mercado”. Optaron por unha aula virtual para potenciar a aprendizaxe autónoma, facilitando a flexibilidade horaria e a adaptación ás circunstancias laborais e familiares de cada alumno, “pero sempre coa presenza permanente do docente e dos titores”, puntualizou Mahou. Os coordinadores tamén salientaron o esforzo do profesorado para adaptar os seus coñecementos ás formas de ensino que esixe a teledocencia, “mediante a preparación de contidos online e mediante o uso de novas aplicacións de interacción co alumnado”.

Familiarización co sistema de traballo
Un mestrado online non sería posible “sen a profesionalidade, apoio e dedicación” de Sonia Álvarez, técnica do servizo de Teledocencia da Universidade de Vigo, quen aproveitou o acto inaugural para realizar un percorrido pola plataforma Faitic, que se converte na aula virtual destes estudos. “As clases online xa comezaron hoxe”, advertiu Mahou, polo que lles pediu ao alumnado que se familiaricen o máis rápido posible co novo sistema de traballo. A plataforma divídese en dous espazos principais, un reservado para cada materia e un común para o mestrado en xeral, reservado para dúbidas, propostas e suxestións. O calendario está deseñado para que o alumnado curse simultaneamente dúas ou tres materias “que comezarán e rematarán nun período establecido de 4 semanas”, concretou o coordinador.

Fuente: Bea Feijoo – DUVI

Novedades